CEIP Ponte dos Brozos

Portada Ponte Dos Brozos

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo é o centro escolar máis grande de Galicia. Contamos cun total de mil dez alumnos/as e polo tanto moitos mestres/as con ideas, iniciativas, costumes e xeitos de traballar diferentes, o que dificulta a complexa tarefa de dinamización da Biblioteca Escolar.

O curso 2012/2013 foi o noso primeiro ano como parte do PLAMBE. A nosa Biblioteca levaba moitos anos sen usar e iso fixo que o noso traballo durante este curso académico sobrepasara os obxectivos iniciais plantexados para este proxecto nuns ámbitos, e ralentizara ou aprazara outros que por motivos de tempo, non puidemos chegar a desenvolver. Todos coincidimos en que era moito mellor comezar de cero e crear un espazo acolledor e motivador, un lavado de imaxe total.

O primeiro que fixemos foi baleirar a nosa biblioteca e comezar cun exhaustivo expurgo tanto de fondos como de mobiliario. Pensamos en que a nosa biblioteca precisaba dun cambio radical se o que pretendíamos era crear animación e interese. O noso seguinte paso foi pintar a biblioteca, axeitala e cubrila duns murais fermosísimos ambientados na fraga onde vive a nosa mascota da biblioteca chamada Brociños (escollida e realizada polos alumnos/as do colexio a través dun concurso plantexado polo equipo da biblioteca)

Estivemos todo o curso traballando con moitísima ilusión, formándonos e intentando seguir os consellos recibidos nas distintas actividades de formación e pola Asesoría de Bibliotecas. Tivemos que eliminar tódolos datos do Meiga e iso fixo que deliberaramos moito sobre a nova organización e catalogación.
O mellor destes meses foi ver o cambio espectacular da nosa Biblioteca Escolar. Os alumnos/as están moi emocioados coa transformación que está sufrindo e os nosos compañeiros/as non poden crer que sexa o mesmo espazo : “invita a entrar, e non a saír correndo como antes” comentaba un mestre fai pouco.

O noso centro traballa moito co uso das novas tecnoloxías, feito polo cal decidiuse invertir en iPads e unha pizarra dixital dous elementos xa implicados na vida diaria do centro excepto ata o momento, na Biblioteca Escolar. Unha das nosas prioridades será a de poñer en marcha estes fondos como medio de pescuda de información, identificación de fondos documentais e actividades de animación á lectura.